Henrique Rabuñal, poeta, narrador, dramaturgo e ensaísta, obsequiou a biblioteca da Baña con dous exemplares dedicados dos seus libros Ollos negros e A fariña das horas.
A fariña das horas é “un conxunto de narracións que teñen como eixo central a condición humana. Os grandes temas de todos os tempos a faceren visíbel ese país ao fundo que ensinan os textos ambiciosos. Un volume suxerente que ten ecos da nosa mellor narrativa breve e que confirma o oficio dun autor ben enraizado no panorama literario galego.” (Espiral Maior)
En Ollos negros, ”Henrique Rabuñal crea un territorio literario, Touza, un mundo no que cabe a vida enteira: a memoria e os soños, a historia e o compromiso, a familia e o individuo. O autor apreixa os temas claves da súa obra literaria, evoca ámbitos e escenarios moi queridos do século XX e debulla, con profundidade e intelixencia, algunhas das grandes preocupacións do home actual.” (Espiral Maior)