Correspondentes desde A Baña

Redacta, informa, interpreta, opina, investiga, entrevista, divulga información de produtos turísticos e culturais, do medio, de Internet, do coñecemento científico, de economía, de deportes… 

 desde A Baña. 

BASES

PRIMEIRA. Poderán participar todos/as os/as nenos/as deste concello, que cursen educación secundaria.

SEGUNDA. Para poder participar, os/as nenos/as terán que redactar unha noticia, unha editorial, unha crónica, unha reportaxe, unha entrevista, un artigo de opinión… calquera texto orixinal que pertenza ao xénero periodístico.

TERCEIRA. Os/As participantes poderán presentar a súa redacción no CPI San Vicente ou no Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Baña persoalmente ou a través do correo electrónico snl.abana@gmail.com

CUARTA. Quedarán excluídas todas as propostas que non estean escritas en   lingua galega ou que poidan resultar ofensivas porque a súa temática supoña unha discriminación por razóns de sexo, raza, relixión, nacionalidade…

QUINTA. As redaccións estarán colgadas na páxina web do Concello da Baña (www.concellodeabana.es) e na do CPI San Vicente.

SEXTA. Quedarán eliminadas todas as redaccións nas que o/a autor/a non poida ser identificado/a.

SÉTIMA. As persoas gañadoras serán escollidas polos/as participantes nas aulas.

OITAVA. O premio consistirá nun lote de libros que se repartirá entre as persoas gañadoras.

NOVENA. Os/As gañadores/as do concurso autorizan o Concello da Baña a publicar o seu nome, o seu traballo e a súa imaxe con fins informativos en relación con este concurso.

 DÉCIMA. As persoas participantes poderán presentar ata un máximo dunha redacción por mes desde este momento ata final do curso académico 2011/12.

NOVAS DOS/AS CORRESPONDENTES DESDE A BAÑA

Os Reis veñen á Baña

Todos os rapaces do concello reúnense o día 5 ás 17:00 h na Praza do Concello para darlles a benvida aos Reis.Todos os anos tiran dende o concello ducias de caramelos para todos. Despois todos os rapaces van ás escolas vellas a contarlles aos Reis como se portaron e que regalos van querer esta noite. Todos os rapaces reciben un pequeno agasallo e despois para quitar o frío que mellor que un chocolate con rosca. Os rapaces só dormen pensando en que lles traerán os Reis pola mañá do día seis.

Bertín Paredes Torres

Amadora

Amadora  é una anciá de noventa e cinco anos. Naceu o nove de setembro de mil novecentos dezasete . Amadora era perruqueira e peiteaba pese a que tiña as pernas inflamadas e, gustáballe dar paseos pola aldea. O vinte e tres  de decembro , Amadora marchou para un asilo que lle mandaran ir os seus fillos. Todas as persoas que a coñecían foron despedirse dela. Amadora foi e é una persoa loitadora polo que quere e é moi boa persoa. Os seus amigos botan de menos a Amadora pero saben que os fillos de Amadora solo a levaron ao asilo para que a coidaran ben porque eles non podían porque non viven aquí. Agora as persoas maiores terán que buscar outra perruqueira.

Irene

O TRABALLO DA MIÑA NAI

Para que serve unha bañeira.  Hoxe en dia, moi pouca xente usa as bañeiras para que as vacas beban por dúas razóns:primeira a  xente cada vez ten menos vacas xa que agora dan menos diñeiro como antes e segunda:agora a xente usa pratos de ducha. Antes dicíase que se usaban porque xa non lle facía falta, porque eran vellas… Tamén hai veciños en Lañas que as usan para que os patos se bañen ou rara que beban, as ovellas tamén  beben delas. Antes non se daban conta de que podían contaminar, agora si o saben pero aínda así, a  xente a que non ten vacas non a  levan ao punto limpo e esa vella escusa de que non hai punto limpo xa que en Lañas hai un.  E de paso que van poden levar as pilas, electrodomésticos etc e así evitarán contaminar.                                       

Noelia Castro Vales 1ESO

Os roubos e a crise nas aldeas


 Durante estes anos aumentaron os roubos por falta de diñeiro, de comida etc. Temos o caso que aconteceu en Lañas na casa do “catalan´´como lle chaman os veciños entraron a roubar soupose o domingo 11-12-11 ao parecer roubáronlles comida, xoias, mobles electrodomésticos e algún diñeiro que tiñan.Tamén se fala de que intentaron roubar na casa de Maricarmen Ferreiro unha veciña que vive co seu marido e os seus fillos pero grazas ao can o portal e os arbustos non deron entrado. E tamén que entraron na igrexa pero non se sabe con certeza o que si sei é que os veciños estamos asustados e que
o “catalan´´ marchouse outra vez.                         

OPINIÓN

Eu penso que os ladróns que rouban comida  fano porque non teñen que levar á boca. E os que rouban electrodosmésticos, e  rompen   as cousas  é porque o fan por mal. E non sei porque veñen a roubar ás
aldeas se case todos están en crise.

Noelia Castro Vales 1A ESO

A evolución da emigración na miña aldea

Vivo nunha pequena aldea de Ordoeste que se chama Paraxó. Somos  aproximadamente unhas dez casas habitadas e logo hai outras nas que xa non vive ninguén. Fai uns días na miña casa, unhas veciñas comezaron a falar da xente que tivo que emigrar, e decataeime de que en case todas as casas , máis ben en todas , había xente que tivera que ir  traballar a outro país para poder gañar cartos.

Outra cousa que me chamou moito a atención é, que parece que a emigración ía por etapas. Primeiro houbo a etapa dos bisavós que xeralmente  emigraban para América, sobre todo ían a Cuba, Brasil, Venezuela,Tampa e Bos Aires. Logo veu a etapa dos avós que emigraban máis a países europeos como Suíza ou Gran Bretaña. Os de agora os nosos pais, tíos etc. tamén emigran, pero non saen de España, van as Illas Canarias , País Vasco, Barcelona etc.

Eu ás veces pregúntome se teremos que emigrar nós? Ou se emigramos para onde iremos? E, tamén me pregunto se chegará a época na que haxa traballo cerca da túa casa e non teñas que emigrar.

Andrea Vilas Forján

O colexio CPI San Vicente da Baña leva moitos anos aberto, realizáronse obras nel e incluso temos a ESO cousa que noutros centros non hai. En torno ao noso colexio hai uns anos que xorden dúbidas e rumores. Como que o colexio vai pechar por falta de alumnos e outro rumor que creo que é o máis grave e inxusto é o que di que os nenos da Baña teñen menos nivel que os dos outros centros. Digo inxusto porque aí están os resultados. Para despexar algunha das dúbidas imos facerlle unha entrevista á directora, Ánxeles Taboada Rozas:
- Bos días Ánxeles: cantos anos levas no centro?
- Levo 26 anos
- Cambiarías de colexio?
- Polo tema de proximidade ao meu domicilio si , pero polos nenos que hai neste centro por suposto que non
-  Suspendéronse actividades que antes facían por que?
-  Pola simple razón de que uns anos fanse unhas e outros  outras, depende das ofertas que lle fagan ó centro. Todos os anos os profesores , ANPA e o Concello organizan ao principio de curso un calendario de actividades que se levan a cabo para poder facer propostas para o curso seguinte.
- Que opinas sobre os rumores que apuntan un peche do centro?
 - Diso non sei nada pero lévase dicindo por aí xa fai moitos anos e aínda non se fixo. Cada concello ten como mínimo un colexio polo que non creo que se vaia cerrar nunca.
- Cres que deberían obrigar os nenos de Ceilán a vir aquí?
- Penso que si porque son deste mesmo concello. E tamén outras parroquias porque así estaría o conxunto do concello máis unido.
- Que lle diría á xente que di que os nenos da Baña teñen menos nivel?
- Que non estou de acordo porque na valoración que fai a Consellería na Avaliación de Diagnóstico anual o noso centro está por encima da media dos resultados de Galicia e senón aí están as olimpíadas de matemáticas.
- E xa por último que cre que lle falta ao colexio?
- Amañar o patio de infantil que se fará por estas datas; afortunadamente o número de alumnos que triunfan no bacharelato e ciclos formativos é elevado habendo gran cantidade de licenciados e bos profesionais saídos deste centro.

Valeria Braña

A festa da filloa

Cada ano, en marzo , celébrase na Baña a festa da filloa.Un dos pratos típicos de Galicia e un prato característico da Baña.

Por iso A Baña, cada ano, celebra A Festa da Filloa da Pedra en honor a este postre.

Este festexo prodúcese no polideportivo que hai xunto ao colexio.Comeza ás dez da mañá despois do certame de cans de caza, onde se fan espectáculos de cans adestrados , cans en venda e algúns cabalos.

No patio do colexio hai algunha atracción para os máis pequenos e vendedores.Logo pola tarde toca unha orquestra xunto á entrada do polideportivo.

Dentro, no polideportivo, ademais do principal manxar tamén hai polbo,chourizo ao viño ou orella de porco , excelencias da nosa terra.

A actuación de gaitas, a verbena, o tradicional pregón do festexo ou a entrega de premios aos gañadores do certame de cociña de filloas á pedra serán outras actividades fundamentais da festa.

Para o goce de todos haberá unha exposición de artesanía, unha zona para a venda de produtos gastronómicos e artesanais autóctonos.

Paula Ferreiro Gesto

Historia de Cuba

Luis Enrique Pérez González de 39 anos cóntanos  a historia de Cuba anos atrás e anos presentes contándonos máis ou menos todo.                

A economía de Cuba antes tiña varios sectores fundamentais como a cana de azucre, o ron, o tabaco…E agora basease principalmente no sector turístico, sufrindo as consecuencias do seu bloqueo económico.

En Cuba, antes do ano 1959, cando Fidel Castro comezou a gobernar, existía un réxime capitalista e moitos españois acudían á illa en busca dun futuro mellor, por iso antes chegaban moitos máis estranxeiros que agora.

As súas medicinas están case perdidas porque non hai cartos para pagalas.

Usan medicinas tradicionais ,feitas a base de plantas medicinais, como o xenxibre, o romerillo …

En Cuba case non hai delincuencia debido a que Fidel Castro ten a moitos policías vixiando os delincuentes .

En Cuba os traballos non son moi abundantes pero aínda así hai traballos por conta propia e outros que viven dos soldos do goberno .

Os estudos de Cuba cambiaron moitísimo ,antes existían máis medios e mellores profesores que estaban mellor preparados e con máis experiencia,agora os profesores son acabados de graduar.

Os rapaces de Cuba teñen 12 materias e teñen que levar posto un pano de certa cor segundo no curso no que vaian. Eles non teñen videoconsolas e case ningún xoguete.  

 Gabriela Pérez

Esta é unha entrevista concedida por Rosalía Negreira, veciña do concello da Baña e mestra de matemáticas no Seminario Menor en Santiago de Compostela, e Fernando Pose Sueiro, alumno de 2º de ESO no CPI San Vicenzo.

Fernando: Boas tardes, Rosa, como estás?.

Rosalía: Pois, moi ben Fernando, gozando destas festas.

F: Vou comezar esta entrevista preguntándoche, por que estudaches matemáticas?.

R: Non sei, supoño que por superarme e conseguir un futuro mellor.

F: Quen influíu máis en ti á hora da elección da carreira?.

R: O meu profesor de matemáticas de COU.

F: Como estudabas e que sistema seguías?.

R: O que máis utilizaba era a repetición de exercicios.

F: Preparabas os temas en equipo ou preferías estudar soa?

R: Ás veces en equipo pero a maioría sempre soa.

F: Cal foi a experiencia máis gratificante na túa vida de estudante?

R: Os amigos da facultade, que aínda os sigo conservando.

F: Pensas ampliar os teus estudos dalgunha maneira?

R: Si, facendo cursos.

F: Que cursos de curta duración realizaches?

R: Varios de informática, Internet, inglés…

F: Repetirías a túa elección de estudos se volveras a empezar?

R: Si, por suposto, porque estou moi satisfeita.

F: Que idiomas coñeces e que nivel?

R: Evidentemente galego e castelán, en francés e inglés teño un nivel básico.

F: Cal é o teu obxectivo profesional?

R: Superarme cada ano. Chegar a ter máis alumnos.

F: Como pensas conseguilo?

R: Aprendendo dos erros.

F: Bueno pois ata aquí chegou esta entrevista, moitas grazas por concederma, deséxoche moita sorte e que acades todo aquilo que te propuxeches. Boas tardes.

Fernando Pose Sueiro

ALBA LEIS CASANOVA, 1º ESO

ENTREVISTA AOS MEUS AVÓS

Como era a vida nas aldeas hai 40 anos:

Como todos os da aldea sabemos, na aldea hai sempre traballo pero cada vez menos. Isto non o sabe ninguén mellor ca os nosos avós. Meus avós chámanse Estrella e Serito. Miña avoa naceu na parroquia de San Xoán da Riba e o meu avó na parroquia de San Cristovo de Corneira na que os dous viven felizmente despois de levar 54 anos casados.

Cando se levantaban ían muxir as vacas, botarlle de comer aos animais e logo almorzaban. Despois ían traballar ás leiras e á volta comían. Despois, case sempre, facían queixos, vendían o leite ou os becerros na feira ou víñanllos comprar á casa. Logo volvían ás leiras pero esta vez coa axuda dos veciños. Cando volvían, ceaban. Os meus avós repartíanse as tarefas: a miña avoa era a encargada das tarefas da casa e tamén decidía onde e cando se plantaban as leitugas, pementos, tomates, etc. Esta parella ten clara unha cousa: non cambiarán a aldea pola cidade!

ENTREVISTA A DANIELA NIETO, POR ANDREA PARAMOS

Fíxenlle unha entrevista a Daniela Nieto Parajó exalumna do Colexio CPI San Vicente da Baña. Ten 16 anos e vive na Baña.

Esta entrevista trata sobre o seu equipo, A Baña Feminino, tamén trata sobre os seus gustos polo fútbol en xeral.

  1. Cantos anos levas xogando ao fútbol?

Levo 5 anos xogando ao fútbol

2. Quen te motivou para empezar a xogar ao fútbol?

Foi o monitor das escolas deportivas, Cesáreo, quen o propuxo.

3. De que xogas?

De dianteira.

4. Xa xogabas antes de empezar a adestrar como un equipo?

Si, nos recreos do colexio.

5. Gustaríache xogar nun equipo máis profesional? En cal? Por que?

Por suposto. Postos a escoller no F.C. Barcelona. Para seguir mellorando e sacar un froito disto.

6. Estás a gusto no equipo da Baña?

Si, non se pode estar máis a gusto noutro sitio.

7. Compaxínaste ben coas demais xogadoras do equipo?

Mellor cunhas que con outras, pero si.

8. Gústache outro deporte? Cal? Por que?

Si. Case todos teñen algo que os fai interesantes.

9. Cres que o fútbol é compatible cos estudos?. Lévalo ben ou cres que che rouba tempo?.

É compatible cos estudos se te organizas. Ningunha actividade che rouba tempo se en realidade che gusta.

10. Cal é o teu equipo preferido de fútbol sala?

O Lobelle.

11.  Como gozas máis, xogando ti ou vendo xogar ao teu equipo preferido?

Vendo xogar ao meu equipo preferido porque me poden os nervios.

12. Se tiveses que cambiar de equipo para cal irías? Por que?

Para a Fervenza. Porque me gusta a súa técnica de como xogan.

13. Que pensas sobre os adestramentos?

Son como deben de ser.

14. Que che gusta máis o fútbol sala ou campo?

O fútbol sala.

15. Que é o teu ídolo en fútbol sala e en campo?

En fútbol campo Iniesta e en fútbol sala Aicardo.

16. Fuches ver partidos da 1ª división?

Si o Barça, o Valencia e o Atlético de Bilbao.

17. Gústache como che adestran os adestradores?

Si, fan exercicios para mellorar e ao mesmo tempo son divertidos.

18. Gustaríache que houbese máis torneos como os de Neda?

Si.

19. Cres que o equipo da Baña mellorou dende o principio?

A pesar de que ao principio gañaban máis partidos que agora a técnica foi mellorando.

20. Gustaríache que houbese campamentos de fútbol?

21. Normalmente dise que os rapaces xogan mellor cas rapazas ao fútbol opinas o mesmo?.

Non é que os rapaces xoguen mellor cas rapazas, e que hai máis rapaces que xogan mellor cas rapazas porque o número de rapazas é inferior, pero hai rapazas que xogan moitísimo mellor que algún rapaz.

FLORA CALVIÑO, UNHA ESCRAVA DO TRABALLO

Flora Calviño é unha veciña de Portomouro de 79 anos, que nos vai contar algo sobre a súa vida e o traballo que realizou nela.

P: A que idade comezaches a traballar?

R: Comecei a traballar con 12 anos para axudar a miña nai. Ía á escola pola mañá, e pola tarde tíñalle que axudar.

P: Cal era a túa materia preferida no colexio?

R: As matemáticas, para min os números eran o máis interesante.

P: E faciades algunha excursión?

R: Non coma agora, ao mellor levábannos ver a Catedral de Santiago ou algún paseo polos arredores de Portomouro pero nada máis.

P: Había algún xogo en especial ao que xogarades no colexio?

R: Á mariola entre outros xogos.

P: Fixeches algunha vez algún deporte?

R: Non, tamén daquela non se facían moito nos colexios. Pero andaba cos meus irmáns na bicicleta porque nos encantaba.

P: De pequena fuches a algunha festa?

R: Non, só ás festas familiares.

P: Como foi sempre a túa vida?

R: Bueno, de moito traballo. Naqueles tempos non había as cousas que hai hoxe e había que traballar moito. Traballaba de día e de noite e facía de todo. Tiña rapazas aquí cosendo comigo e axudábanme a coidar os meus tres fillos porque eu non podía coidalos seguido. Tiña unhas máquinas de punto, e por iso tiña que traballar de noite porque tiña que preparar traballo para o seguinte día para as rapazas que tiña traballando.

P: Antes traballando e coidando tres fillos, non debía ser fácil, non?

R: Non, ademais, case non podía ir ás festas, porque os outros ían á festa e eu tiña que quedar agarrada á máquina traballando, porque tiña encargos e tiña que facelos.

P: E agora vas ás festas?

R: Cando hai algún baile vou coas miñas amigas, bailamos moito e gozamos ao máximo. Ás veces ríanse de nós e dicían: “Mira esas vellas que bailan seguido e a xente nova xa vai parando…” E que na miña casa sempre gustou a música e o baile.

P: Que traballos realizaches na túa vida?

R: Tiven un taller de costura, xa desde que me casei e xa o tiña miña nai.

P: E, gustábache ese traballo?

R: Si, non sei se é porque o vivín dende pequena.

P: Faciades todo tipo de roupa?

R: Si.

P: Estudaches algo para aprender a coser, algún curso…?

R: Non, porque a miña nai xa tiña taller na casa e aprendín con ela dende os 12 anos. E despois, como as modas cambian, fun a Santiago a facer un curso para aprender a bordar á máquina. Porque se levaban moito naquela época os bordados.

P: Algún outro traballo?

R: Si, tíñamos unha tenda tamén e ás veces despachaba un ou despachaba outra.

P: Vendías roupa e libros na tenda non?

R: Si, pero tamén bixutería, gominolas, revistas, periódicos, xoguetes, mochilas…

P: E o comercio aínda segue aberto non?

R: Si, na tenda teño unha rapaza que está ata as 4 da tarde e despois está o meu fillo Manolito e cando non, como eu estou na casa, bótolle unha man.

P: Vai a mesma xente que antes á tenda?

R: Non, vén moi pouca xente. Unha porque aquí nas aldeas hai moi pouca xente e outra, son as tendas máis grandes como o Corte Inglés, que abren ata moi tarde e entón a xente de aquí e dos arredores, que vai traballar a Santiago, xa compran alá. Pero bueno, agora xa non pensamos nas ganancias, senón por entretemento, porque non me gustaría que cerrara mentres que eu vivo.

P: Notaches algún baixón de compras nos libros?

R: Moito. Porque agora ao dar os libros no colexio e ao haber menos cursos aquí en Portomouro, hai menos nenos que mercan os libros.

P: E estando rodeada de libros, supoño que che gusta ler?

R: Todos os días.

P: Qué tipo de historias che gustan ler?

R: Case todo. Todo o que sexa ler. Máis ben novelas ca humor. O humor non me apaixona.

P: E tamén traballaches de taxista, non?

R: É verdade, estiven de taxista polo menos 20 anos, ademais de traballar na casa.

P: E tamén traballaches algo na funeraria non?

R: Si, moito tempo, e cando o meu fillo Manuel non estaba, ía eu con unha das rapazas que traballaban comigo. Pensarán que é moito traballo para unha persoa, pero se nas aldeas houbese traballo para unha cousa soa non se traballaría tanto, pero como para xuntar algo tíñamos que facer moitas cousas. Faciamos de todo, era unha cousa mixta.

P: Se puideses volver atrás no tempo, gustaríache estudar outra cousa?

R: Moito. Meu pai dicía que se soubese que a vida ía ir para arriba como foi, que nos poñería a todos a estudar, porque todos os irmáns serviamos para iso.

P: E, que che gustaría estudar?

R: Non o sei, pero serviríame calquera cousa con tal de estudar. Quizais máis a ensinanza porque me gustan os nenos.

P: Gustaríache dedicarte a algo pola rama da música?

R: Únicamente tocando a pandeireta porque era o único que sabía tocar daquela. Meu irmán si que se dedicou á música, e aínda se dedica.

P: Gustábache cantar?

R: Moito, pero a única opción que tivemos foi a de cantar na igrexa.

P: Agora podes ir de viaxe?

R: Si, si, iso non mo quita ninguén.

P: E por último, saíches algunha vez de España nas túas viaxes?

R: Si, a Francia, a Buenos Aires, Montevideo… E logo por España, como Tenerife, Illas Canarias…

Por Eva Iglesias Vieito

OS PASEOS                                        

Os paseos dise que serven para adelgazar,para pasar o tempo,para desestresarse etc. Os médicos recomendan pasear porque e bo para a saúde.A xente maior pasea polo monte etc. Á miña avoa Dolores Ferreiro Varela que vive en lañas fíxenlle estas preguntas:

Avoa ti porque paseas?                                                              

 - Para pasar o tempo.

Paseas soa ou con amigas?

 - Paseo con amigas.

Por onde paseas polo monte?

 - Depende algúns días polo monte e outros por onde o colexio público de Lañas, polo punto limpo etc.

 A que horas soes ir?

 -Ás veces vou pola mañá pero case sempre pola tarde.

Avoa paseas todos los días?

 -Si a non ser que chova.

  En conclusión, dar paseos e bo porque é saudable e entreteste.

Noelia Castro

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Los comentarios están cerrados.