Sesión 13 do Club de Lectura A Baña en Galego

Autor: John Boyne
Título: O neno do pixama a raias
Data de lectura:  Marzo de 2012
Resumo: “A pedimento do autor, non podemos contarche o miolo deste libro. Porén, queremos avisarche de que lerás a historia dun neno de 9 anos, que se atopará cun aramado. No mundo hai milleiros de aramados coma este. Agardamos que ti nunca te atopes con ningún e que, se o fas, teñas forzas para librarte del.”

(Narrativa K)

 

Autor: M.ª Xosé Queizán
Título: Ten o seu punto a fresca rosa
Data de lectura:  Marzo de 2012
Resumo:
“En Ten o seu punto a fresca rosa, María Xosé Queizán acada a súa plenitude literaria, ofrecéndonos unha obra dunha narratividade trepidante que se le dunha sentada. Novela divertida e desconcertante está construída como un grande friso do Vigo dos anos setenta e oitenta, no que se entrecruzan sabiamente a historia de tres mulleres: Lucía Castro, Charo Santoro e Petra Seixo. Historia das súas vidas e das súas familias, das súas orixes, que viven entrelazadas polo amor e pola morte.As tres protagonistas da novela Lucía, Charo e Petra son tres persoas de diferente clase social, de diferente adscrición urbana, de diferente formación, mesmo de diferente opción sexual, unidas pola figura de María, a adolescente desgraciada. Son tres personaxes complexos, verosímiles, cheos de contradicións, sobre os que unha narradora omnisciente non se deixa levar nin pola complaciencia, nin o sentimentalismo.

Ten o seu punto a fresca, título tirado dun verso de Eduardo Pondal, non é só a historia destas tres mulleres que se entrecruzan por medio dun ser humano concibido por fecundación in vitro. Esta é unha novela na que se cuestiona o amor, por riba da opción sexual elixida por cada persoa, concibido como obxectalización, que leva á catástrofe, os trastornos que arrasan a vida das persoas, pola asunción da privacidade como territorio exclusivo das mulleres, pola perda da súa identidade.

Ten o seu punto a fresca rosa é un manifesto antisentimentalista, no que se desmitifica o concepto tradicional de maternidade, tanto biolóxica como social. Abórdanse, tamén, cuestións como a perversidade da pedofilia, os abusos sexuais, os perigos da reproxenética, os problemas do internamento psiquiátrico. Tampouco quedan fóra a presenza dos movementos revolucionarios do Vigo dos setenta e o papel dalgúns párrocos, nin a formación do movemento feminista, nin o cambio de mentalidade policial que chegou coa democracia.”

(Edicións Xerais de Galicia)

Autor: Xavier López Rodríguez
Título: O aliado inesperado
Data de lectura:  Marzo de 2012
Resumo: “Os principais protagonistas de O aliado inesperado son un lobo ferido por un lazo de aceiro e un home ferido pola vida. Na novela desenvólvese unha insólita alianza contra a soidade e o medo, nunha illada aldea da montaña.A través dos recordos do home protagonista, que é o último habitante do seu pequeño mundo, Xavier López Rodríguez conta historias de tempos en que a looita contra os lobos se disfrazaba de necesidade para caer en ritos ateigados de crueldade, e outras máis actuais pero non menos inquietantes.

A novela invita a reflexionar sobre as razóns polas que moitas aldeas acaban desertas, só cheas de espazo e silencio, precisamente dous dos bens que máis botan en falta moitos residentes nas grandes cidades.”

(Alfaguara)

 

Na próxima sesión que será o 11 de abril de 2012 en horario de 16.00 a 17.30 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre os libros e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodeabana.es) ao que poden acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodeabana.es).

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Los comentarios están cerrados.