Sesión 22 do Club de Lectura A Baña en Galego

Autor: Xosé Neira Vilas
Título: Memorias dun neno labrego
Data de lectura:  xaneiro de 2013
Resumo: “Eu non sei se desvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. ¿Que é todo isto? Ninguén me di, poño por caso, para que sirven as estrelas nin onde morren os paxaros. Sei de certo que moitísimos anos antes de nacer eu xa había sol e penedos e fuxía a auga polo río. E esto seguro de que todo seguirá igual despois que eu morra. Virá máis xente e máis, tripando uns nos outros, esquecéndose adrede dos que morreron, como se non houbesen vivido.Escribir no caderno –¡quen o diría!- é coma baldeirar o corazón. Parece un milagre, pois ó fin de contas non pasa de ser unha conversa comigo mesmo. Pero para min é milagre todo, dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo.”

(Edicios do Castro do Grupo Sargadelos)

Autor: Xosé Neira Vilas
Título: Esperando o leiteiro                                     
Data de lectura:  xaneiro de 2013
Resumo: “A mediados do século XX, un mozo campesiño vai emigrar a Buenos Aires. Coa maleta ao lombo, camiña sete quilómetros; perdeu o coche de liña e confía en que o leve o camión que recolle o leite. Mentres agarda a chegada do leiteiro, o mozo fai un reconto da súa vida, cos seus traballos, xogos, amores, miserias e soños. Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) escribe un intenso monólogo interior que non cesa ata que, por fin, o protagonista emprende o camiño.”(Editorial Galaxia)

 

A escolla destes libros neste mes vén motivada pola visita ao concello da Baña que ten prevista o autor Xosé Neira Vilas para inaugurar a exposición Querido Balbino.

Na próxima sesión que será o 5 de marzo de 2013 en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura do Concello da Baña compartiremos a nosa opinión sobre os libros e escolleremos a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Una respuesta a Sesión 22 do Club de Lectura A Baña en Galego

  1. Patricia dice:

    Relata dun xeito intimista a vida de calquera persoa en calquera aldea. Pode ser a historia da vida de moitos e moitas galegos e galegas.
    A pesar de non estar dividido en capítulos e parágrafos a súa lectura é amena e sinxela.
    O ritmo vén marcado polas referencias á tardanza do leiteiro, que separan as reflexións e recordos.