Ecoloxismo na Baña coas escolas infantís

O Concello da Baña e a Escola de Educación Infantil de Lañas organizaron un encontro entre as escolas infantís da contorna o 3 de maio en Lañas da Baña, co fin de propiciar a convivencia entre o alumnado das citadas escolas, de aprender hábitos ecolóxicos e de coñecer o punto limpo, a industria, as instalacións deportivas e outros lugares do concello.

Esta é unha práctica habitual que se vén desenvolvendo desde hai uns anos por estas datas para compartir un día con Urxa, a trasno da biblioteca da Baña. O encontro do venres comezou na escola de Lañas ás 9.30 h; alí o alumnado visitante coñeceu as instalacións da escola unitaria e aproveitaron todos para plantar árbores, unha forma ecolóxica de comezar o día.

Máis tarde, arredor das 11.00 h, o alumnado merendou no pavillón de Lañas, onde tamén, coa axuda dos técnicos de Residuos Ambientales de Galicia, participou nun xogo de reciclaxe que lle permitiu sensibilizarse de forma lúdica sobre a importancia de separar os residuos desde os primeiros anos da infancia.

Logo, os técnicos de Residuos Ambientales levaron os nenos a visitar o punto limpo da Baña para explicarlles como funciona, como se xestionan os residuos urbanos, a importancia da reciclaxe… Todo isto dentro dunha campaña de concienciación que queren realizar entre toda a cidadanía e que comezaron coa poboación máis nova.

A última visita da mañá foi á Carpintería Liñares de Cabanas onde os nenos aprenderon cal é o proceso final polo que pasan as árbores antes de converterse nos mobles que teñen nas súas casas.

Arredor das 13.30 h as escolas despedíronse ata o ano que vén en que poderán comprobar canto medraron as árbores que plantaron detrás da escola unitaria de Lañas e participar con Urxa nunha nova mañá de experiencias lúdicas.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Los comentarios están cerrados.