Negreira participa por primeira vez na actividade de dinamización lingüística Club de debate con tres grupos do IES Xulián Magariños preparados polos seus profesores Cipriano, Elisa e María.
Esta actividade consiste nun torneo de debates entre grupos mixtos de alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato sobre uns temas fixados previamente; está organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo en colaboración cos centros de ensino e pretende favorecer o uso oral do galego nun contexto formal de debate e nun contexto informal de convivencia.
Este sábado, 7 de marzo, competirán, na fase de zona, en Ferrol, os grupos de Ferrol, Carballo e Negreira co tema Todas e todos somos iguais ante a lei; alí, o alumnado demostrará as súas habilidades comunicativas e de oratoria e desenvolverá o pensamento crítico e analítico ao longo de toda a xornada que comezará ás nove da mañá e rematará ás oito da tarde.