Excursión fin de curso de Maimiños e Furabolos a Pontevedra

O pasado 26 de xuño de 2015, as familias que participan no programa Maimiños e Furabolos da Baña compartiron unha xornada de convivencia para despedir o curso 2014-15. Ese día os nosos pequenos e pequenas tiveron que madrugar porque a saída estaba marcada para as nove menos cuarto da Praza do Concello.

A primeira parada foi en Pontevedra. Alí, primeiro, as familias visitaron o Centro de Interpretación Torres Arcebispais (CITA) onde Olga, a encargada do CITA, tiña preparado un conto adaptado para xente miúda co que explicaba a historia de Pontevedra. Os cativos e as cativas non pestanexaban mentres ela ía cambiando de gorro dependendo da época da que estaba a falar. Quedaron sorprendidos mirando a maqueta da fortaleza, o foso defensivo, as bólas de pedra que se usaban como proxectís de catapulta…

Logo, achegáronse ata o teatro principal onde foron recibidas polo alcalde de Pontevedra, o concelleiro de normalización lingüística e a técnica deste servizo. As familias recibiron como agasallo unha bolsa con libros entre os que se atopaban dous dos Bolechas. Esta deferencia foi, un pouco, motivada porque o grupo dos Maimiños e Furabolos encadra dentro dos obxectivos do programa Apego no que A Baña e Pontevedra participan xunto con outros concellos.

Máis tarde, despois de merendar na praza de Ourense, comezaron a ruta dos Bolechas pola zona vella de Pontevedra acompañados por Roberto, o guía que tal parecía o frautista de Hamelín xa que os Maimiños e Furabolos se colocaron detrás del desde o primeiro momento e non se separaron ata que se despediu de tan engaiolados como os mantivo todo o tempo cos seus contos e xogos.

Ao mediodía tocou xantar e descansar na Illa das Esculturas e despois xogar no parque ata que volveron montar no autobús dirección Padrón, onde visitaron a casa-museo de Rosalía de Castro; ás cativas e aos cativos gustoulles a proxección que hai nunha das salas sobre unha mesa branca a modo de pantalla e, por suposto, xogar, merendar e relaxarse nos xardíns da casa nos que puideron coñecer distintas árbores e plantas.

Arredor das sete da tarde estiveron de regreso despois dunha xornada en que demostraron un comportamento propio de nenas e nenos grandes, a súa grande capacidade de aprendizaxe, de ilusión, de divertimento…

Grazas familias dos Maimiños e Furabolos pola vosa colaboración e dedicación! Vémonos en outubro coas pilas cheas de enerxía para afrontar un novo curso cheo de experiencias compartidas.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Los comentarios están cerrados.