O Concello da Baña escolleu como lugar para presentar o programa Apego o Punto de Atención á Infancia (PAI) que acolle nenas e nenos con idades comprendidas entre 0 e 3 anos. Na presentación participaron o alcalde, a concelleira de Cultura, Eli, unha futura mamá da Baña, que recibiu a primeira caixa agasallo, as educadoras do PAI, os cativos e as cativas do PAI, a técnica de normalización lingüística e outras persoas interesadas.
Todas as futuras mamás da contorna están xa informadas grazas á axuda da matrona que asiste as embarazadas da zona e que se encarga de difundir esta iniciativa co fin de que poida sumarse o maior número de familias posible.
O Concello da Baña estivo desde un principio interesado neste proxecto dado que xa leva varios anos implicado, de maneira individual, con familias que teñen nenos e nenas de 0 a 6 anos a través do programa Maimiños e Furabolos. Algúns dos obxectivos deste programa son favorecer o uso da lingua galega nestas idades, fomentar a transmisión da lingua e estimular a socialización das crianzas en galego mentres interactúan as distintas xeracións da familia.
Vese claramente que a cerna de Maimiños e Furabolos coincide moito co programa Apego; tamén ao tratar de ofrecerlles ás familias recursos en galego, de aprenderlles xogos e recitados tradicionais e de informalas sobre actividades. Por isto, sumarse ao Apego para A Baña é un modo de continuar con máis forza na aventura de apego, amor, arraigo, lingua… pero agora de maneira conxunta.