Risadas a ritmo de música galega na Baña

Os nenos e as nenas que participaron no Campamento urbano 2015 do Concello da Baña protagonizaron un programa de chistes a ritmo de música galega, o pasado 31 de agosto, na Área Recreativa de Chans

Esta actividade, promovida desde o Servizo de Normalización Lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira, estivo incluída dentro da clausura do campamento urbano que tivo lugar ao longo de toda a mañá do luns. Asistiron como espectadores os pais e as nais dos nenos e das nenas protagonistas.

En Risadas a ritmo tamén participou o grupo de voluntariado xuvenil, todos eles guiados pola coordinación do campamento. Para poder escenificar os chistes, primeiramente realizaron un traballo de recollida de chistes curtos e de música galega. Entre chiste e chiste bailaban a ritmo. A música axudou estes artistas a desinhibirse e a expresarse, conseguindo así o riso do público.

Este programa permitiu que interactuasen xeracións tan distantes como infancia e xuventude, que compartisen chistes en galego e que desenvolvesen a lingua galega e o seu vocabulario de forma divertida.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Los comentarios están cerrados.