Avelaíños e rebuldeiros en Negreira

O Concello de Negreira quere ofertarvos, a todas as familias que tendes nenas e nenos de idades comprendidas entre 0 e 6 anos, a posibilidade de participar no programa Avelaíños e Rebuldeiros, que consistirá en manter xuntanzas pensadas especialmente para vós, todos os terceiros martes de mes, en horario de 17.00 a 19.00 horas, na bebeteca do centro sociocultural (3º andar).

En cada sesión, poderedes compartir contos, cantigas, arrolos, xogos populares, recitados, sensacións, experimentos, bailes, circuítos, xogo libre, vivencias… todo nun contorno creado á mantenta para que os nenos e as nenas gocen e aprendan en galego con vós e coas outras familias participantes.

Estas xuntanzas teñen como obxectivos compartir un espazo de relación en galego, enriquecer a comunicación entre as distintas xeracións da familia, apoiar o desenvolvemento das nenas e dos nenos a través do xogo, reforzar o labor das familias, facilitar a adquisición de habilidades sociais e de normas para a convivencia, fomentar o interese pola lectura, ofertar recursos dirixidos a estas idades, transmitir xogos tradicionais, favorecer a socialización das crianzas e, sobre todo, gozar en convivencia.

Todas as familias interesadas en participar deben anotarse no teléfono 607 153 604 (Carme) entre o 28 de setembro e o 9 de outubro. Terán preferencia todas as que estean empadroadas en Negreira e seleccionaranse por orde de inscrición ata un máximo de 15.

Animádevos e aproveitade esta oportunidade de convivencia lúdica e educativa en galego.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario