Club de Lectura Barcala en Galego

O Club de Lectura Barcala en Galego continuou a súa andaina ao longo de todo este ano. As reunións presenciais realizáronse na casa de cultura de Negreira, normalmente, os segundos martes de mes pola tarde.

Este ano, ademais de ler, as persoas participantes tamén colaboraron na actividade Microlecturas na onda que se puideron, poden e poderán escoitar en Radio Negreira. A esta iniciativa pódense sumar todas as persoas ás que lles apeteza  recomendar un libro: tan só teñen que acercarse pola radio e levar o seu libro para gravar a súa microlectura, en horario de mañá de luns a venres.

Entre todos os libros que se leron durante este período, gustou especialmente Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, ilustracións de Víctor Rivas, edición Xerais. É un libro dirixido a un público infantil e xuvenil aínda que gusta a lectores e lectoras de todas as idades.

Velaí vai unha pequena sinopse do libro: “Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña”.

Este libro é unha boa opción para este tempo estival ou para calquera outro.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar no club de lectura poden contactar co SNL a través dos teléfonos 607 153 604 / 981 886 501 ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.gal) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.gal).

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario