O IES Xulián Magariños, gañador da fase de zona do Club de debate

Dous equipos do IES Xulián Magariños de Negreira participaron, xunto con equipos de Pontevedra, Rois e Dodro, o pasado 4 de marzo de 2017, na primeira fase eliminatoria do Club de debate que tivo lugar no pazo de cultura de Pontevedra.

A competición entre os nove equipos participantes prolongouse desde primeira hora da mañá ata a tardiña debatendo sobre o tema proposto con anterioridade: Debemos acoller as persoas refuxiadas.

O xurado composto por cinco persoas de ámbitos diferentes (ensino, normalización lingüística e comunicación) tiveron unha tarefa difícil para decidir entre  os grupos participantes porque todos  demostraron un nivel profundo de coñecemento do tema e unha defensa a favor ou en contra excepcional.

Finalmente clasificouse para a final do 6 de maio en Santiago de Compostela o equipo 2 do IES Xulián Magariños e o IES Luís Seoane de Pontevedra e aínda quedan por coñecerse os equipos que pasarán en Bertamiráns o 19 de marzo e en Carballo o 15.

Parabéns a todas as persoas participantes e especialmente aos equipos do IES Xulián Magariños de Negreira que acadaron o primeiro e o terceiro posto. Moito ánimo para preparar o tema da final: O futuro da lingua está na mocidade.

https://www.facebook.com/Club-de-debate-340173912683525/

Esta entrada fue publicada en Destacados, Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario