Encontro das escolas infantís de Barcala

Preto de corenta nenos e nenas de infantil da comarca de Barcala mais o seu profesorado participaron no encontro anual das escolas de educación infantil que xirou arredor dos xogos populares.

As escolas de educación infantil de Aro, San Vicente e Lañas compartiron unha mañá de convivencia, hoxe, 2 de xuño, no concello da Baña; este ano, non puido incorporarse a escola de Negreira como é habitual noutras ocasións.

A xornada comezou na casa de cultura onde se atoparon con Urxa, a trasno da biblioteca; alí, recordaron a xuntanza do ano anterior, falaron sobre todo o que ían facer no que restaba de mañá e percorreron a biblioteca e o salón de actos.

A continuación, visitaron a casa do concello; no salón de plenos, esperaba o alcalde, José Andrés García Cardeso, para recibilos e explicarlles como se desenvolven as sesións do Pleno. Tamén aproveitaron para visitar as dependencias municipais.

Máis tarde, foron andando pola beirarrúa ata a área recreativa de Chans onde merendaron e xogaron divididos por grupos a xogos tradicionais como a mariola, a chave, os trompos, o pano, as sandalias cooperativas, as carreiras de chapas…

Volveu a ser esta unha ocasión excepcional para aprender, xogar, divertirse, gozar… en colaboración, da man dun profesorado centrado na promoción da aprendizaxe lúdica e nun marco como é a área recreativa de Chans que acaba de ser reparada e que permite o contacto directo coa natureza.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario