Maimiños e Furabolos, Avelaíños e Rebuldeiros en contacto coa fauna e a natureza

Este sábado, 1 de xullo de 2017, as familias de Maimiños e Furabolos da Baña e Avelaíños e Rebuldeiros de Negreira aproveitaron para compartir unha xornada de lecer visitando o parque zoolóxico Marcelle Natureza. Os máis pequerrechos portáronse como verdadeiros campións durante o traxecto en autobús e nos percorridos trazados a través das distintas seccións do parque.

Nada máis chegar, dividíronse as familias en dous grupos, o dos pequerrechos e o dos maiores, aos que acompañaban cadansúa monitora que adaptaron a visita ás características e ás idades das persoas. Aínda así, houbo actividades conxuntas para compartir como o teatro de marionetas no que algúns pais e nais se atreveron a representar as voces dos animais protagonistas da obra.

Entre os animais do parque, chamaron a atención das familias, especialmente, os lobos Rasca e Pica que non dubidaban en ouvear como resposta á chamada da xente e os emús, aves non voadoras de gran tamaño, que comeron da man de todas as persoas do grupo que se prestaron a alimentalas.

Ademais de visitar os animais, as familias participantes tamén puideron gozar da flora existente no bosque autóctono, do que forma parte o zoo; da exposición artística con obras realizadas, principalmente, en madeira e pedra que están distribuídas por todo o parque e de actividades como o tiro ao arco, coa que probaron a puntería tratando de acertar na cabra que estaba no centro da diana.

Despois desta xornada tan completa, as familias regresaron concienciadas da protección da fauna silvestre e da conservación da natureza, obxectivo principal de Marcelle Natureza.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario