Obradoiro de regueifa 2

O primeiro que aprenderon as persoas participantes neste obradoiro de regueifa foi que a regueifa serve “para dicir en broma o que non se pode dicir en serio” tal como explicou Olalla Liñares, monitora desta actividade.

Todas as persoas alí presentes sabían o que era a regueifa e algunhas, incluso, recordaban ver, hai moitos anos, regueifar nas festas. Falando, falando, foron recordando un lote de cantigas que manteñen a mesma estrutura ca as coplas das regueifas. Aí van unhas cantas:

Indo para Santa Comba / metín un pé nunha poza, /agharreime a unha vella / pensando que era unha moza.

Nós aquí e vós alá /somos tantos coma vós, / nós comemos o carneiro / e os cornos son para vós.

Despedíronse de todos / e tamén do señor cura/ marcharon para a cidá /d’acabalo dunha burra.

Case todas as persoas botaron a súa regueifa e a aquelas que non se atreveron inventáronlle a súa entre todo o grupo; sempre seguindo o esquema dunha copla de oito versos que seguise a melodía e que rimase o segundo verso co cuarto en consonancia ou en asonancia. Velaí unha mostra desta improvisación.

Voulles dicir unha cousa /a estas mulleres da Baña / e tamén a estes homes /son a regueifeira Olalla.

Aprenderon varias melodías posibles para regueifar e puideron escoller entre a que máis lles acaía e ao final ata se atreveron a inventar unha especialmente para Olalla:

Pois moitas grazas Olalla / por nos vires ensinare / non te olvides que as da Baña / tamén queren regueifare.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario