Taller de xornalismo deportivo

Francisco Rego González (Fran Cañotas), xornalista da Televisión de Galicia, impartiu un taller de xornalismo deportivo, que forma parte da campaña “O galego, a miña lingua propia” da Deputación da Coruña, no IES Xulián Magariños, o pasado mércores, 16 de maio de 2018.

Neste obradoiro participou alumnado de primeiro de ESO en horario de 11.30 a 13.00 h aproximadamente. Despois de explicar o uso do galego nos medios de comunicación, incidindo na parte deportiva, Fran Cañotas realizou unha demostración dunha narración de momentos deportivos. A partir de aí, foi o alumnado o total protagonista; primeiro animouse a comentar varios partidos tanto como locutores e locutoras de radio como de televisión e logo participaron nunha rolda de prensa, parte do alumnado actuou no papel de xornalista e outra parte, no de adestrador ou adestradora.

Para realizar a segunda parte do obradoiro, Fran presentoulle ao alumnado unha situación deportiva de gol que había que retransmitir; neste momento os e as participantes puideron lucirse como “verdadeiros” comentaristas. Na terceira parte, aprenderon a presentarse (nome e apelidos e medio de comunicación para o que traballaban) e a realizar preguntas interesantes para unha conferencia de prensa post-partido; por outro lado, tamén lles ensinou como respondelas.

A implicación do alumnado foi total desde o primeiro momento; o xornalista conseguiu a súa plena atención e, o que é o mellor para esta campaña, transmitiulle ao alumnado que o galego é unha lingua válida.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario