O pasado 15 de xuño de 2018, o alumnado das escolas infantís de Negreira, Aro, San Vicenzo e Lañas participou no encontro anual que ten como obxectivo principal compartir unha xornada de convivencia en galego mentres coñecen os distintos lugares do concello da Baña.
O encontro comezou na casa da cultura do Concello da Baña onde Urxa, a trasno da biblioteca, aproveitou para saudar, lembrar o encontro 2017 e contar a historia de Cachafello, o seu amigo, trasno tamén, que vive preto do camiño para axudar os camiñantes.
Tan pronto chegaron a Ferraces, organizaron cinco grupos formados polo alumnado dos distintos centros: o equipo verde buscou fentos polo camiño; o branco, flores; o rosa, follas; o amarelo, fiúncho e o azul, as frechas azuis que indicaban o camiño. Todo isto para axudar a Cachafello a recolectar ingredientes necesarios para as súas apócemas que curaban os camiñantes.
E partiron cantando unha canción para evitar que Cachafello lles entorpecese o camiño.
Somos os trasniños piños /e vimos a camiñar / chegaremos a Muxía /moi cansadiños de andar.
Temos xente da Baña, / Negreira tamén vén, / non faltan os de Lañas, /Aro anímase tamén.
Camiñando pola Baña / moitas cousas hai que ver / follas, flores e castañas / témolas que recoller.
O alumnado tivo que buscar en Ferraces por un agasallo sorpresa que lles deixou Cachafello agachado; para atopalo, axudounos con esta pista:
Encontraron o regalo enriba da escaleira do pazo de Ferraces; eran uns sombreiros para que protexesen do sol as cabezas.
Logo, arredor dos 112 alumnos e alumnas xunto coas súas profesoras percorreron un pequeno tramo do camiño de Santiago de Compostela a Muxía no seu paso por Corneira.
Despois da camiñada, non houbo nada mellor que un pequeno descanso no local social de Corneira para repoñer forzas.
Compartir camiño foi moi divertido!!!