Excursión de Avelaíños e Rebuldeiros ao Grove

Nesta ocasión, as familias de Avelaíños e Rebuldeiros de Negreira e Maimiños e Furabolos da Baña, aproveitaron o día 23 de xuño para percorrer a península do Grove da comarca do Salnés, en Pontevedra.

A primeira parada foi no Acuario do Grove onde puideron coñecer moitas das especies atlánticas de augas frías, quentes e doces da man dunha guía que non deixou de explicar polo miúdo todas as especies que se podían ver e algunhas delas tamén tocar.

O segundo lugar que visitaron foi a aldea de Grobits, uns seres que viven nas profundidades das augas termais da Illa da Toxa e que soben á superficie subindo por unhas gretas que conectan co pozo desta aldea. Alí os nenos e as nenas aproveitaron para xogar no parque e para visitar as súas casas.

Despois de xantar e de descansar tranquilamente na beira da ría, pasaron a tarde navegando en barco pola ría de Arousa. Desde a embarcación puideron ver as bateas de mexillóns, vieiras e ostras e tamén os fondos mariños. Este paseo completouse cunha merenda de mexillóns e cun baile que compartiron con turistas portugueses.

E antes de regresar a tempo para participar nas cacharelas de San Xoán, aínda puideron darlles a merenda aos nenos e ás nenas de menor idade.

Que ben o pasamos convivindo entre familias!

Esta entrada fue publicada en Destacados, Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario