Lista de reprodución ao vivo do proxecto Youtubeir@s

O Proxecto Youtubeir@s pechará o 27 de setembro o prazo de inscrición aos seus premios e convoca para o 3 de outubro en Santiago un encontro entre a comunidade creadora e o público

Compostela acollerá o encontro ‘Lista de reprodución ao vivo’, un evento que ten como obxectivo establecer relacións de intercambio e debate entre o público e a comunidade creadora de contidos en Youtube.

O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua, encara neste outono o treito final desta terceira edición. Así, até o vindeiro 27 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para que todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua poidan competir nos Premios Youtubeir@s, que neste 2019 repartirán 6.500 euros nas diferentes categorías en que se divide o certame. Ademais, o 3 de outubro celebrarase en Santiago de Compostela o evento Lista de reprodución ao vivo, encontro entre o público e a comunidade creadora que medrou nos últimos tres anos ao abeiro dos Proxecto Youtubeir@s, iniciativa recoñecida co galardón Mil Primaveras, concedido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, na categoría de proxecto máis innovador.

Lista de reprodución ao vivo

Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seguidor@s, a Lista de reprodución ao vivo emula en certo xeito as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal. O prazo remata o 30 de setembro. A cita será o 3 de outubro entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario