As persoas participantes no Club de Lectura Barcala en Galego reuniranse o próximo 1 de outubro de 2013, en horario de 16.00 a 17.00 h na casa de cultura para comentar os libros Tonas de Laranxa de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, Non quero ser Doris Day de Inma López Silva e para escoller a/s lectura/s para o próximo mes.
Autores: | María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón |
Título: | Tonas de laranxa |
Data de lectura: | setembro de 2013 |
Comentarios: | “Tonas de laranxa, a novela gañadora do Premio Xerais 2012, é, segundo os membros do xurado, un “acto de amor á lingua, arrecendente, profundo, vivo, diverso e capaz de espertar a fame do lector ou lectora”. Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.A Través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amara e da curiosa peixeira Sofía Costa, e de tantos outros personaxes, os autores constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla os pequenos feitos que suceden na vila de Moreira.”
(Edicións Xerais de Galicia) |
Autora: | Inma López Silva |
Título: | Non quero ser Doris Day |
Data de lectura: | setembro de 2013 |
Comentarios: | Unha muller foxe a París buscando refuxio sentimental para superar un desengano amoroso e inspiración para escribir a gran novela da literatura galega. Esta historia persoal mestúrase cunha trama relacionada co roubo duns cadros.Esta novela foi concibida para presentarse a un certame de novela por entregas no que resultou finalista. Son capítulos breves nos que a protagonista vai desvelando a súa peripecia parisiense a través de cartas que lles escribe ás súas amigas. |
Ademais, no noso club continuaremos lendo nas próximas sesións poemas do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro con motivo de celebrar o 150 aniversario da súa publicación.
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (snl.concellodabana.es) ao que poden tamén acceder a través da páxina web do Concello da Baña (www.concellodabana.es).