Os centros educativos da comarca de Barcala comezaron o ano con enerxía participando en Radio Negreira no programa radiofónico escolar Barcala educativa na onda. Ata o momento, xa se animou varias veces o IES Xulián Magariños, que vai repetir a experiencia o próximo 24 de febreiro ás 13.00 h con motivo de conmemorar o Día de Rosalía de Castro recitando poemas da poetisa. A EEI de Aro intervirá individualmente o 26 de febreiro ás 13.00 h e en colaboración coa EEI de Lañas o 28 de marzo. E proximamente incorporaranse á actividade o CPI San Vicente e o CEIP O Coto.
Cada centro participante pode organizar con total liberdade o seu espazo de radio. O alumnado escolle a temática, a música…; elabora os guións, as entrevistas… e o profesorado coordina e dirixe o seu traballo. Ten a posibilidade de realizar as gravacións nas instalacións do centro ou nas de Radio Negreira; case todos prefiren acercarse pola emisora para así vivir persoalmente a experiencia dunha hora de radio in situ.
A actividade naceu da man do Servizo de Normalización Lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira e de Radio Negreira e supón unha boa oportunidade para que a comunidade educativa dispoña dun pequeno espazo divulgativo en galego das súas expectativas, que lle permita, ao mesmo tempo, aproximarse ao mundo da radio e estimular a comunicación e a creatividade do seu alumnado.
Tamén xogan un papel moi importante as familias e persoas achegadas do alumnado que poden aproximarse ao seu mundo educativo escoitando Barcala educativa na onda ao sintonizar Radio Negreira na frecuencia 107.0 de FM.