Os Maimiños da Baña visitaron a Coruña como clausura da actividade 2013-14

 

As familias que participaron na actividade Maimiños dirixida a nenos e nenas de 0-3 anos compartiron unha xornada de lecer

Maimiños é un programa que se desenvolve no Concello da Baña coincidindo cos cursos escolares e que pretende ofertar un espazo de encontro para familias da contorna con nenos e nenas de 0-3 anos. Neste caso, veuse realizando desde outubro de 2013 ata xuño de 2014 e interviñeron arredor de 15 familias.

Este ano, como clausura da actividade, decidiron visitar distintos lugares da cidade da Coruña que puidesen resultar lúdicos, motivadores, entretidos e estimulantes. A visita comezou no Aquarium Finisterrae, un espazo perfecto para que os nenos e as nenas se mergullasen no fantástico mundo do mar e dos peixes e logo continuou no Domus, no que todos e todas se divertiron e interactuaron cos módulos dedicados á especie humana. Para finalizar, gozaron das fantásticas vistas da Coruña desde o Monte de San Pedro así como dos seus parques e do seu estanque con parrulos.

Esta xornada resultou a mellor maneira de rematar unha etapa de Maimiños e de cargar enerxías para volver con forzas en outubro de 2014.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Los comentarios están cerrados.