Encontro das escolas infantís de Barcala 2019

Neste encontro do pasado venres, 24 de maio,  participaron as escolas de educación infantil de Aro, Lañas e San Vicenzo así como o alumnado de primeiro e segundo de primaria do CPI San Vicente; entre todos eran arredor de 73 alumnos e alumnas ao que hai que sumarlle o profesorado e a concelleira de Cultura  e a normalizadora lingüística do Concello da Baña.

O encontro partiu do CPI San Vicente cara a Ferreiros onde fixeron unha visita didáctica ao invernadoiro de caraveis que está rexentado por Miguel e Carmen, os cales non escatimaron esforzos á hora de explicar o funcionamento do seu traballo. Para finalizar esta parada, o alumnado aprendeu como tiña que facer para plantar nunha maceta.

A continuación, fixeron unha parada para merendar no local social da Carballeira, onde tamén puideron xogar todos xuntos no parque e no terreo do que dispón o local todo o arredor. Este foi o mellor momento para a socialización e o relax.

Para finalizar a mañá, achegáronse ata a produción caseira de mel de Pepe e Rosa en Trece. Alí, visitaron os covos das abellas e Pepe fíxolles unha explicación polo miúdo do proceso que segue para conseguir o mel.

Outro ano máis e grazas á colaboración desinteresada de veciños e veciñas como Miguel, Carmen, Pepe e Rosa, as escolas infantís puideron coñecer outra zona do noso concello e tamén aprender de primeira man como se realizan os distintos traballos que favorecen o desenvolvemento da economía local.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario