Negreira na quinta edición do Club de debate 2016 para fomentar a lingua

O Concello de Negreira, grazas á inscrición do IES Xulián Magariños, vai participar no Club de debate por segundo ano consecutivo. Esta actividade de dinamización lingüística está promovida entre once concellos de Galicia e pretende impulsar o uso oral do galego entre a mocidade e consolidar foros de discusión. Trátase dunha competición deportiva na que o alumnado participante de 3º, 4º de ESO e 1º de bacharelato defenderá, con argumentos, unha postura a favor e outra en contra sobre un tema controvertido, escollido con anterioridade.

O Club de debate constará de varias fases clasificatorias e dunha final pero antes hai que participar nunha xornada de formación. Para a zona de Ames, Negreira, Rois, Santiago e Teo, a formación será o próximo 28 de xaneiro no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9.30 a 13.30 h. Con esta formación, na que debe participar cando menos algún membro de todos os equipos  inscritos (Ames, Negreira e Teo), preténdese orientar a práctica das habilidades comunicativas.

O IES Xulián Magariños de Negreira vai participar nesta formación  con dous equipos: un deles está composto por alumnado de 4º de ESO e preparado polo profesor Cipriano Núñez Rodríguez, o outro está formado por alumnado de 4º de ESO e de 1º de bacharelato e preparado pola profesora María Blanco Crespo.

Negreira acollerá, o 8 de abril, a fase de zona na que van participar os equipos mencionados na citada formación. Os equipos participantes defenderán nun debate a postura a favor e noutro a postura en contra sobre un tema que os equipos coñecerán con antelación. Desta confrontación sairán os clasificados para a fase final que será, nesta edición, en Pontevedra.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario