O Concello da Baña participa na segunda edición do proxecto Youtubeir@s

Nove concellos, as tres universidades e a Deputación da Coruña organizan o proxecto Youtubeir@s para inzar a rede de vídeos en galego

Baixo o lema ‘Mostra @ Youtubeir@ que levas dentro’, arrinca a segunda edición desta
iniciativa para fomentar o uso da lingua que busca incrementar o galego en Youtube a
través dun certame, campañas de difusión e cursos de formación

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizo de normalización lingüística dos
concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O
Grove, as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña

O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización
lingüística de nove concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña,
lanza a súa segunda edición coa vontade de promover e de lle dar visibilidade ao uso do
galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube . A
iniciativa pretende fomentar así a creatividade con temas propios e xerar referentes en
galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son
os/as youtubeiros/as.

Así o adiantou o pasado 30 de novembro, na  rolda de prensa celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; e a vicerreitora de Servizos Universitarios da Universidade de Santiago de Compostela, María do Carme Silva Domínguez, detallou as liñas mestras do proxecto. Ademais, o acto contou coa presenza de José Antonio Cacabelos Rico, alcalde do Grove; José Andrés García Cardeso, alcalde da Baña; Pilar Pérez Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, e Belén Iglesias Cortés, concelleira de Cultura e Educación de Ourense.

Na presentación destacouse a colaboración das diferentes administracións para
lanzar a segunda edición de Youtubeir@s, un amplo proxecto que compila diversas
accións que buscan un claro obxectivo: incrementar a presenza do galego nos vídeos de
Youtube. Dentro desta iniciativa, recóllense varias liñas de acción que van dende
campañas de incentivación do uso do galego a través da citada plataforma até a
formación de youtubeiros e youtubeiras, pasando por actividades para outorgarlle
visibilidade ao proxecto, pola dinamización nas redes sociais co obxectivo de xerar
comunidade ou pola convocatoria dos Premios Youtubeir@s.

Premios Youtubeir@s

Nos Premios Youtubeir@s poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos a
través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube
de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar
publicadas con data posterior ao 2 8 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos
cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500
euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número
con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados:
vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade
técnica, calidade lingüística e o premio do público.

Precisamente, este último galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é
unha das grandes novidades deste ano, xa que as persoas usuarias da rede social
Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un
vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos
propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases
ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e os premios entregaranse o
vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer
os vídeos gañadores.

Formación e festivais


Por outra banda, o proxecto Youtubeir@s incluíra diferentes programas formativos que se
desenvolverán nos concellos e nas universidades organizadoras. Os obradoiros serán
impartidos pola produtora Illa Bufarda e farán fincapé nesta nova edición nas persoas
maiores de 50 anos non familiarizadas coas novas tecnoloxías
Ademais, Youtubeir@s estará presente en eventos culturais galegos como son o
Culturgal (no que se realizará unha presentación pública cunha conversa con
youtubeiros/as este sábado ás 13.00 horas no Espazo Foro) e festivais relacionados coa
creación audiovisual e dixital, co obxectivo de crear sinerxias con festivais para a
programación de contidos youtubeiros en galego.

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario