Xuntanza anual das escolas infantís da comarca de Barcala

As escolas infantís de Aro, San Vicenzo e Lañas aproveitaron para pasar xuntos a mañá do venres, 23 de maio, visitando dúas granxas do concello da Baña.

Como todos os anos, a Escola de Educación Infantil de Lañas xunto co Concello da Baña organizaron un encontro coas escolas de Aro e San Vicenzo. Este ano, o percorrido foi pola parroquia de Cabanas, concello da Baña. Nesta visita, os nenos puideron comprobar como os gandeiros da zona coidan as súas explotacións de leite.

Primeiro, pasaron pola granxa de Liñares; alí viron o nivel de automatización do seu traballo; as máquinas estaban presentes en case todas as tarefas: limpar as cortes, muxir, dar de comer… incluso teñen unha sala para masaxes. Despois, aproveitaron na explotación de Paredes para ver as vacas pacendo ao aire libre, darlle de mamar aos cuxos e aprender a facer queixo fresco.

Ao remate da excursión, cando se despediron, quedaron coa sensación dunha experiencia enriquecedora pero sobre todo entrañable pola acollida que lles ofreceron os seus anfitrións, os donos das granxas e as súas familias. Esta é a tónica xeral de todos os anos; estas visitas son moi boas oportunidades para coñecer a contorna e as súas xentes e para que os nenos dos distintos centros interactúen.

http://www.elcorreogallego.es/terras-de-santiago/ecg/as-escolas-infantis-da-comarca-barcala-celebraron-xuntanza-anual/idEdicion-2014-05-26/idNoticia-870853/

Esta entrada fue publicada en Dinamización. Guarda el enlace permanente.

Los comentarios están cerrados.